A AED activa o servizo de vixilancia privada no polígono “Lalín 2000” e na zona de Bergazos

A Asociación de Empresarios de Deza (AED) vén de activar hoxe o servizo de vixilancia privada no Parque Empresarial “Lalín 2000” e na zona de Bergazos contratado coa empresa Eulen Seguridade.

.

Á posta en marcha deste servizo, que inclúe un vixilante con coche patrulla durante os 365 días do ano, acudiron diversos membros da directiva da AED e un grupo de empresarios, así como o xestor de servizos de seguridade de Eulen Seguridade para Pontevedra e Ourense, Roberto Garnelo.

.

O presidente da AED, Antonio Lamas, subliñou que o custo do servizo será asumido de forma prorrateada polos 61 propietarios de industrias e parcelas que decidiron implicarse nesta iniciativa. “Estamos satisfeitos porque a posta en marcha da vixilancia privada é un vello anceio dos empresarios para reforzar a seguridade e evitar os roubos que se estaban a rexistar nestas zonas con certa frecuencia”, indicou.

.

Lamas aplaudíu “o compromiso e a colaboración” dos 61 empresarios que sufragarán o servizo e cualificou como “inxusto” que haxa “algúns propietarios no polígono que decidiran non involucrarse e que, de xeito indirecto, si se van beneficiar dun servizo común”. Ao respecto, apelou a que “aínda están a tempo de sumarse, co que o servizo sería máis barato para todos” e indicou que as industrias colaboradoras estarán identificadas externamente cun cartel instalado por Eulen Seguridade.

.

Medidas complementarias

Antonio Lamas precisou que a proposta presentada no seu día por Eulen Seguridade foi a máis económica e vantaxosa e inclúe tamén unha oferta de tarifa plana de 25,45 euros ao mes para conexión das empresas coa Central Receptora de Alarmas. Ademais, a AED e Eulen Seguridade atópanse á espera de saber se a Subdelegación do Goberno permite a instalación de cámaras de vixilancia nas entradas e saídas do polígono, o que permitiría identificar os vehículos dos delincuentes no caso de que se producisen novos roubos ou intentos de roubo.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies