A AED amosa “vitalidade” e “músculo empresarial” no peche do 25º Aniversario

.

A Asociación de Empresarios de Deza (AED) deu por finalizadas onte as actividades do seu 25º Aniversario cunha cea-gala no Pazo de Bendoiro á que asistiron 230 persoas, entre autoridades, convidados e asociados, e que, en palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, demostrou “a vitalidade” da asociación e o “músculo empresarial” de toda a Comarca de Deza.

.

Entre os asistentes, ademais do presidente da Xunta e dos integrantes da directiva encabezada por Antonio Lamas, atopábanse o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; os alcaldes de Lalín (Rafael Cuiña), Agolada (Ramiro Varela) e Rodeiro (Luis López) e o tenente de alcalde de Dozón (Adolfo Campos); o deputado provincial Carlos López Font; o senador José Crespo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros; o presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas; e o presidente de AJE Pontevedra, Pablo Fernández; e varios socios fundadores e  ex presidentes da AED, entre outros convidados, ademais do cantante Roi Casal, cuxa actuación pechou o evento.

.

Tras un breve cóctel, o evento comezou coas intervencións institucionais, que abriu o presidente da AED, Antonio Lamas, agradecéndolle aos 11 empresarios fundadores “que souberan interpretar que a unión fai a forza e tiveran a determinación de fundar un colectivo sen o que non se entenderían moitos dos logros e avances da Comarca de Deza”. Antonio Lamas agradeceu tamén a presenza do presidente da Xunta “non tanto para que marche coa visión do que a AED foi nestes 25 primeiros anos de vida, senón, sobre todo, para que perciba o que é día de hoxe e o que está disposta a ser coa colaboración da Xunta de Galicia para seguir xerando riqueza, emprego e oportunidades de futuro”.

.

Na súa intervención, o presidente da AED tamén incidiu na necesidade de ampliar o solo industrial en Lalín: “tendo en conta que gozamos dunha situación xeográfica privilexiada, precisamos que máis pronto que tarde as empresas que queiran instalarse aquí dispoñan da superficie necesaria, e a uns prezos asequibles, para poder facelo. Somos conscientes de que o escenario macroeconómico mudou substancialmente e a planificación deste tipo de actuacións que requiren tantos recursos públicos non pode acometerse tan á lixeira como en tempos pasados, pero só pedimos que, sen présa pero sen pausa, se comece a traballar nesa posibilidade. Presidente, saiba que aquí, na AED, a Xunta de Galicia e tamén as demais administracións teñen un aliado”.

.

Tras o presidente da AED interviron o deputado provincial Carlos López Font, que puxo en valor “o dinamismo” da AED e o seu “carácter reivindicativo” diante das administracións, e o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, que incidiu na necesidade de que tódalas empresas que desexen asentarse en Lalín dispoñan de xeito urxente da superficie necesaria para facelo.

.

“Exemplo de empuxe, optimismo e sacrificio”

Pechou a quenda de intervencións o presidente a Xunta de Galicia, que gabou a traxectoria do tecido empresarial dezano: “sodes un exemplo de empuxe, un exemplo de optimismo, un exemplo de sacrificio e de saber facer, porque esta comarca sempre nos sorprende positivamente; sorprendeunos durante a crise porque aguantou, aínda que sufriu, e sorpréndenos agora no inicio da a recuperación económica, que espero que se consolide, porque volve acreditar que se poden facer moitas cousas dende Lalín para Galicia e para o conxunto de España”. “Esta fórmula de saber facer, apoiándose nas últimas innovacións, pero sen renunciar as nosas tradicións é, sen dúbida, unha das claves do éxito dos pequenos e grandes proxectos empresariais da comarca”, aseverou, durante a gala do 25 aniversario da asociación.

.

Ao longo da súa intervención, Feijóo incidiu en que a implicación dos emprendedores é esencial para garantir o avance de Galicia na vindeira década e apuntou que a economía galega medra por terceiro ano consecutivo por riba do 3% e adiantou que as previsións para este ano e o que vén son seguir facéndoo por riba do 2,5% (este 2018 o 2,8%). Así mesmo, lembrou os datos da EPA do terceiro trimestre: 20.700 ocupados máis que hai un ano, cunha taxa de paro que baixou ata o 12,2%, sendo a taxa máis baixa desde 2009, e con 34.700 contratos indefinidos máis que o ano pasado. No tocante ás exportacións, o titular da Xunta subliñou que a Comunidade galega leva superando o seu récord de exportacións durante tres anos seguidos e vai camiño do cuarto, xa que neste 2018, ata agosto, as exportacións medraron un 9,5% respecto ao ano pasado.

.

Nunha clave máis local, Feijóo asegurou asumir “con moito interese e con compromiso” a reivindicación da AED de ampliar o solo industrial en Lalín: “o que nos gusta nos pobos é que se pida solo industrial, proque iso é un gran indicador”. “Un solo industrial que veña acreditado con solicitudes en firme de empresas para crecer é a mellor fortaleza e o mellor síntoma de que a economía de Deza e a economía de Lalín vai ben. E por suposto que asumimos unha política de prezos como estamos a vender nestes momentos en Galicia: a través de prezo aprazado ou a través de concesións de 30 anos e aportacións na concesión que valgan como anticipo do prezo no caso de que esa concesión se queira converter en propiedade”, explicou. “Nos polígonos estamos a vender en concesión a un euro por metro cuadrado ao ano, o que significa que unha parcela de 10.000 metros lle supón un desembolso a un empresario ao ano de 10.000 euros e ese desembolso supón un anticipo ao prezo,  en caso de que queira converter esa concesión en compraventa”, remarcou antes de engadir que a Xunta ponse “mans á obra para a cuarta ampliación do polígono” e finalizar asegurando que “se o Deza vai ben, Galicia vai ben”.

.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies