A AED celebrará o sábado 26 de novembro a “III Xuntanza Empresarial”, adicada ao Concello de Rodeiro

.

O presidente da Asociación de Empresarios de Deza, Antonio Lamas, presentou hoxe xunto con varios compañeiros da xunta directiva e o alcalde de Rodeiro, Luis López Diéguez, a “III Xuntanza Empresarial AEDeza”, que se celebrará o vindeiro sábado 26 de novembro a partires das 13.00 horas no Pazo de Bendoiro (Lalín).

.

Antonio Lamas matizou que a terceira edición deste evento, que naceu hai dous anos co ánimo de percorrer de xeito itinerante os seis concellos da comarca, estará adicada ao Concello de Rodeiro, que será protagonista gastronómico co seguinte menú: polbo, empanada de torresmos, degustación de caza, carne de Rodeiro (tenreira galega) e, de postres, iogures e rosquillas de Rodeiro. As entradas para asistir á xuntanza terán un custo de 35 euros por persoa e poderán retirarse a partires do vindeiro luns na sede da AED, no Concello de Rodeiro e no propio Pazo de Bendoiro.

.

Tanto Antonio Lamas como Luis López explicaron que o feito de celebrarse en Lalín e non en Rodeiro débese á imposibilidade de atopar un establecemento neste municipio co aforo suficiente para acoller un xantar dunhas 200 persoas. “As outras opcións que se valoraron foron a instalación dunha carpa e o pavillón de deportes, pero en calquera caso o custo da súa adaptación para unha gala destas características resultaba inasumible para a AED”, explicou Lamas.

.

O presidente dos empresarios aproveitou a súa intervención para anunciar a concesión dos II Premios AEDeza, que se entregarán na propia galega e que, por decisión unánime da xunta directiva, recaeron nas seguintes empresas: o premio ao emprendemento, á firma lalinense Kalekói, adicada á fabricación de iogures, “por facer unha aposta arriscada para xerar valor engadido no sector primario mediante a transformación do leite da zona”; o premio á internacionalización, a Dreams Factory (Jaime Tomás Pereira Gil), empresa lalinense adicada á creatividade audiovisual con drons, que ten realizado traballos en países como Inglaterra, Suiza, Francia ou México; o premio á innovación ás firmas Megodeza e Mejuto Refrigeración (Ramiro Mejuto Pumar), “por ser unha firma punteira e innovadora no sector da termodinámica e da fabricación de equipos de frío industrial”; o premio ao fomento do galego na empresa, á firma silledense Técnicas & Gramaxe (Manuel Núñez Espiño), por ser “unha das patas visibles dun grupo de actividades moi vencellado á nosa lingua e á nosa cultura, como son Edicións Fervenza, o portal noticieirogalego.com ou o concurso Balbino de relatos”; e o Premio Especial AEDeza ao empresario rodeirense José Moure Blanco (Muebles Moure), “por levar 47 anos de actividade empresarial, ser un dos primeiros asociados da AED e ser un exemplo para os demás asociados pola súa involucración e participación nas diferentes actividades da asociación”.

.

Ademais, este ano a xunta directiva acordou conceder dous premios sectoriais: o primeiro deles, no sector da hostalaría, recaeu en Jaime Rodríguez Trigás (Kubos Lalín Cóctel Bar), por ter colleitado éxitos como o Campionato Galego de Coctelería e o subcampionato de España na categoría de Gin Tonic no Congreso Nacional da Federación de Asociacións de Barmans Españois; e o segundo premio sectorial, no eido do comercio, para Meritxell Silva García (Colorín Colorado e outras firmas), “por ter o valor de abrir e xestionar con éxito seis tendas en Lalín e en localidades próximas durante os peores anos da crise”.

.

Pola súa parte, o alcalde de Rodeiro, Luis López, anunciou a concesión do Premio Especial Concello de Rodeiro á cooperativa Cogal, que situou como “unha das cinco máis importantes do mundo no sector da produción de carne de coello e como un motor económico de Rodeiro, con máis de 150 postos de traballo directos”.

.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies