A AED considera “moi satisfactorio” o balance de 2017, agás pola lenta recuperación de asociados/as

.

A xunta directiva da Asociación de Empresarios de Deza (AED) presentou hoxe o balance da actividade levada a cabo durante o exercicio de 2017, que considera “moi satisfactorio” agás pola “lenta” recuperación do número de asociados/as. A 31 de decembro a AED contaba con 342 socios/as, unha cifra que, se ben confirma a tendencia alcista experimentada desde que en 2014 se tocara fondo trala crise con só 309 socios/as, non cumpre as expectativas de captación de novos afiliados.

.

O presidente da AED, Antonio Lamas, acompañado por varios integrantes do seu equipo directivo, comezou o repaso dos principais indicadores destacando o labor do Departamento de Emprego, no que se apreciaron “novas positivas que constatan a mellora da economía”. Así, apuntou que en 2017 foron 897 as persoas que se inscribiron na Bolsa de Emprego como demandantes de traballo, fronte ás 1.036 que o fixeran no ano anterior.

.

Ademais, as empresas asociadas lanzaron en 2017 un total de 344 ofertas de emprego para cubrir 374 postos vacantes. Estas cifras revelan “un maior dinamismo do tecido empresarial”, posto que en 2016 ofertáranse 128 postos de traballo menos. Por sectores de actividade, os cinco que máis emprego xeraron foron a hostalaría, os servizos, a industria do metal, a construcción e as obras públicas e o comercio.

.

En canto ao ranking dos postos e perfís profesionais máis demandados, Antonio Lamas indicou que ofertáronse 41 vacantes de camareiros/as, 24 de dependentes, 22 de carpinteiro metálico e de aluminio, 20 de administrativos/as e 19 de cociñeiros/as.

.

O presidente da AED salientou tamén que o Departamento de Emprego conseguíu en 2017 un total de 177 insercións laborais, o que supón un 24,31 por cento dos currículos activos que xestiona a AED e unha media de preto de 15 contratacións ao mes.

.

25 accións formativas

No ámbito da formación, a AED desenvolveu no pasado exercicio 25 accións formativas (18 cursos, dúas accións para persoas desempregadas e cinco charlas e xornadas), cunha duración total de 855 horas e unha participación de 487 alumnos.

.

Outro dos servizos que presta a asociación, a de brindar as súas instalacións gratuitamente aos asociados/as para o desenvolvemento de actividades privadas, foi utilizado por 30 empresas, que ocuparon as dependencias 44 días (144 horas en total), con actividades nas que participaron 740 persoas.

.

Tamén no apartado de asesoramento e información o balance foi “satisfactorio”, posto que o persoal técnico da AED e os asesores externos recibiron e atenderon 200 consultas, principalmente na área laboral (convenios, revisións salariais, calendarios laborais, axudas á contratación…) e de axudas e apoio financieiro.

.

Agradecemento aos traballadores e ás institucións públicas

Por último, o presidente da AED agradeceu aos traballadores da asociación o esforzo que realizaron para manter os servizos “e inluso incrementalos durante a época de crise” e aplaudiu tamén o apoio que están a recibir das administracións públicas. “Nestes momentos cremos que temos as mellores relacións posibles con todas as institucións, concellos da comarca, Deputación de Pontevedra e varias consellerías da Xunta de Galicia, e iso sempre é proveitoso para o empresariado”, afirmou.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies