A AED convoca aos seus asociados á asemblea xeral ordinaria o xoves 26 de abril

.

A Asociación de Empresarios de Deza (AED) vén de convocar aos asociados/as á asemblea xeral ordinaria que celebrará o vindeiro xoves día 26 -ás 20.45 horas en primeira convocatoria ou ás 21.00 horas en segunda convocatoria- na súa sede da rúa Otero Pedrayo nº 24 de Lalín. Entre os puntos incluídos na orde do día figuran a aprobación da acta anterior, a aprobación da memoria de actividades de 2017, a aprobación das contas anuais de 2017 e dos orzamentos para o exercicio de 2018 e unha actualización dos estatutos.

.

O presidente da AED, Antonio Lamas, adianta que a proposta de modificación dos estatutos é “necesaria para adaptar pequenos detalles á normativa vixente” e, a maiores, para establecer algúns cambios na periodicidade e a normativa electoral. Lamas anticipa que a proposta que se someterá a debate dos asociados pretende ampliar os mandatos de dous a catro anos “para darlle máis estabilidade ao funcionamento da asociación e ao equipo directivo que lle corresponda gobernar” e limitar a presidencia a un máximo de oito anos.

.

Ademais, a xunta directiva proporalle aos asociados incorporar aos estatutos a normativa que rexerá os procesos electorais e que, entre outros puntos, establecería os seguintes criterios: as eleccións convocaranse cunha antelación de alomenos 30 días naturais; as candidaturas deberán constar de presidente, vicepresidente, tesoureiro, secretario e ata un máximo de sete vogais; no caso de concorrer varias candidaturas, as votacións desenvolveranse entre as 15.00 e as 20.00 horas, nun proceso controlado por unha Mesa Electoral integrada por cinco membros; e cada elector poderá ostentar, como máximo, dúas delegacións de voto a maiores da propia, con independencia de que sexa o representante legal de varias sociedades.

.

“Todos estes cambios propóñense para facilitar o proceso de votación e que, chegado o caso, non se volvan repetir as aglomeracións de hai dous anos na noite electoral nin as dúbidas sobre a interpretación da normativa”, apunta Lamas.

.

Informe do presidente

Ademais, a orde do día tamén inclúe un informe do presidente para dar conta de diferentes iniciativas nas que está a traballar a asociación e que pretende desenvolver no que resta de ano, ademais de dar conta da convocatoria electoral.

.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies