A AED e ABANCA renovan o convenio para ofrecerlle aos asociados produtos bancarios “en condicións vantaxosas”

.

O presidente da Asociación de Empresarios de Deza, Antonio Lamas, e a directora territorial de ABANCA en Pontevedra, María del Carmen Fernández Penas, asinaron este mediodía a renovación do convenio de colaboración entre ambas entidades, en virtude do cal os preto de 350 asociados da AED poderán beneficiarse dos produtos e servizos de ABANCA “en condicións máis vantaxosas e competitivas que as habituais do mercado”.

.

Ademais de Antonio Lamas e Carmen Fernández, ao acto de sinatura do acordo, que tivo lugar este mediodía na sede da patronal dezana, acudiron tamén o vicepresidente da AED, David Campos, e por parte da entidade financieira o director de zona de Deza/Tabeirós, José Antonio Seoane.

.

Na súa intervención, Antonio Lamas indicou que a renovación deste acordo “forma parte do traballo e das xestións que realiza habitualmente a xunta directiva con entidades externas para aportarlles aos asociados valor engadido, de xeito que, como ocorre neste caso grazas á colaboración de ABANCA, poidan beneficiarse dos seus produtos e servizos en condicións moito máis vantaxosas que as normais do mercado”. Ao respecto, avanzou que nos vindeiros días tódolos asociados recibirán información detallada sobre as condicións xerais ofrecidas por ABANCA.

.

Antonio Lamas destacou tamén que, como este convenio xa é unha prolongación de acordos anteriores, “existe unha interlocución directa e frecuente entre ambas entidades para que ABANCA, que coñece perfectamente a realidade do tecido empresarial dezano, poida seguir ofrecendo produtos e servizos que respondan ás necesidades específicas dos diferentes sectores da bisbarra”. Ademais, aproveitou a sinatura do acordo para agradecer “o compromiso de ABANCA coa AED como colectivo, xa que implícase sempre en tódalas actividades para as que se solicita axuda” .

.

Pola súa banda, Carmen Fernández agradeceu a confianza depositada un ano máis pola AED na entidade financieira galega e subliñou que a renovación deste marco de colaboración estable entre ambas entidades “reflicte o compromiso de ABANCA co tecido empresarial galego”. “Como entidade financieira líder en Galicia, temos a responsabilidade de estar preto das empresas e apoialas, a través do financiamento, tanto no seu día a día como nos seus proxectos de crecemento”, remarcou a directora territorial de ABANCA en Pontevedra.

 .

Dez convenios propios

Este convenio de colaboración con ABANCA é un dos dez convenios propios que a asociación mantén actualmente en vigor con entidades externas para ofrecer condicións vantaxosas en servizos como a xestión de protección de datos de carácter persoal, subministro de combustible, prevención de riscos laborais, pago electrónico en autoestradas, xestión de certificacións de calidade e formación ou implantación de tecnoloxía LED, entre outros.

.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies