A AED e o CCA de Lalín organizan a I Feira de Oportunidades cunha trintena de comercios os días 9 e 10 de setembro

.

A Asociación de Empresarios de Deza (AED) e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Lalín veñen de pechar todos os detalles para a celebración da 1ª Feira de Oportunidades de Lalín, que se desenvolverá na vindeira fin de semana, os días 9 e 10 de setembro, e contará coa participación dunha trintena de establecementos asociados.

.

Este certame de descontos e produtos de oportunidade emprazarase na rúa Joaquín Loriga da capital deza e terá unha quenda de apertura ininterrompida de 11.00 a 20.00 horas nas dúas xornadas da fin de semana. Os establecementos instalaranse en jaimas de 25 metros cadrados que serán compartidas por dous comercios cada unha e que contarán con servizo de electricidade e enchufes para dar o mellor servizo e atención aos clientes. Ademais, está previsto que haxa servizo de seguridade e vixiancia pola noite, conformado por dous profesionais, co obxectivo de que a feira transcurra sen incidentes.

.

Ata o momento, confirmaron a súa participación un total de 25 establecementos pertencentes a once subsectores distintos, aínda que non se desbota que haxa algunha incorporación máis de última hora. As tendas participantes son as seguintes: Calzados Atly, Calzados Senra. Zapatería La Tentazione, Moca, Colorín Colorado, Lencería Lilas, Serea, Ninfa, Dalvi, Colchonería Soños do Deza, C&C Young Trend, Carola Moda, Castaño, Dandara, El Vestidor de Chloé, Escalena, Esprit, G, G-Básico, It´s Only, It´s Man Only & Sons, Montoto, Esther Cortés Centro Óptico, Multiópticas Lalín e Caprichos. Deste xeito, os clientes poderán atopar produtos de beleza, calzado, complementos, moda infantil, lencería, roupa de fogar, libraría, mobles e decoración, moda, óptica e xoguetería.
.

O presidente da AED, Antonio Lamas, sinalou, tras a derradeira xuntanza de organización, que esta Feira de Oportunidades “responde a unha petición do comercio na que levabamos tempo traballando e que cremos que pode ser unha boa iniciativa para seguir coa continua dinamización do sector ao tempo que se lle ofrecen grandes descontos aos nosos clientes xusto despois da época tradicional de rebaixas”. Ademais, quixo destacar “o constante e atinado traballo” que está a realizar o grupo de traballo que rexe o CCA e todo o comercio de Lalín, “e que ten como proba o feito de que trátase dun sector moi activo que está a ter uns resultados razoablemente bos”.

.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies