A AED impulsa a campaña de Nadal cun concurso de escaparates, a visita de Papá Noel e o primeiro sorteo (3.500 € en premios)

.

A Asociación de Empresarios de Deza (AED), o Centro Comercial Aberto (CCA) e a Comisión de Hostalaría de Lalín impulsan esta semana a súa ambiciosa Campaña de Nadal 2016/2017 coa primeira xeira de actividades, que incluirá a segunda edición do concurso de escaparates, a visita de Papá Noel, animación musical de rúa e o primeiro sorteo entre os clientes, que repartirá un total de 3.500 euros en vales de compra.  

.

A animación festiva arrancará o vindeiro venres 23 pola mañá, xa que senllos Papá Noel percorrerán as rúas de Lalín durante esa xornada e a do sábado 24 en dobre quenda, de mañá e tarde, para crear ambiente navideño e animar as compras. Durante a súa andaina, agasallarán a todos os cativos que atopen con caramelos.

.

Xa pola tarde terá lugar un dos principais fitos do Nadal do comercio lalinense coa visita do xurado do II Concurso de Escaparates “O Nadal preto de ti”, no que participan un total de 31 establecementos. O xurado, que comezará o seu percorrido ás 17.00 horas, valorará a orixinalidade e innovación, a iluminación comercial e a exposición de produto. Estará conformado por un representante da AED, outro do Concello de Lalín e un terceiro do IES Pintor Colmeiro de Silleda. Como xa sucedeu na edición anterior, concederanse tres premios e o primeiro recibirá, ademais do diploma acreditativo, a gratuidade dun ano de cota da asociación.

.

Os establecementos participantes, cuxos escaparates xa poden ser admirados por clientes, veciños e visitantes nestas datas, son os seguintes: Libertad, Lencería Lilas, Outlet Guerral, Esprit, Joyería López Romero, Bella Rey, Dandara, El Vestidor de Chloé, Ness Shop, Escalena, Colorín Colorado, La Casita de Kitty Lalín, Zapatería El Gato Presumido, C&C, Dulces Encantados, Fegus, Esperanza, Ninfa, Calzados Touceiro, Zapatería Tentaciones, Nereida Novias, Strass, Karen, Serea, Carola Moda, Embutidos Lalinense, Varell Sport, Esther Cortés Centro Óptico, Moca, Yellow Dolphins e Boutique Enmanuel.

.

Sorteo e charanga

Finalmente, o prato forte desta semana será, tamén o venres, o primeiro sorteo de vales de compra entre os clientes, que desta volta repartirá 3.500 euros distribuídos do seguinte xeito: un primeiro de 2.000 euros, un segundo de 1.000 euros e un terceiro de 500. A convocatoria será ás 21.00 horas na Praza da Vila e o sorteo será presencial, polo que os clientes deberán depositar as súas rifas na urna habilitada pola AED, dende as 17.00 horas na Praza da Igrexa, e estar presentes durante o acto coa matriz do mencionado boleto.

.

Co gallo de animar esta tarde de compras e festa, haberá animación musical de rúa a cargo da charanga Ardores, que percorrerá a localidade dende media tarde ata a celebración do sorteo coas súas cancións e coreografías.

.

Para o día 5 de xaneiro quedará o sorteo dos 6.500 restantes, cun máximo galardón de 5.000 euros en vales de compra nos establecementos, xa que cómpre lembrar que a AED, o CCA e a Hostalaría de Lalín repartirán un total de 10.000 euros entre os seus clientes nesta Campaña de Nadal.

.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies