A AED organizará un encontro empresarial en Madrid con Aegama no mes de marzo

.

A Asociación de Empresarios de Deza (AED) organizará durante o vindeiro mes de marzo no Hotel Eurostars Madrid Tower un encontro empresarial entre os seus afiliados e os da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama).

.

A celebración deste evento empresarial foi pechada na noite do xoves polo presidente da AED, Antonio Lamas, co presidente de Aegama, Julio Lage, durante a gala de entrega do Premio Empresario do Ano de Aegama a Amancio López Seijas.

.

Antonio Lamas sinalou que este encontro empresarial en Madrid enmárcase na programación de actividades do 25º aniversario da AED e ten como finalidade “favorecer a xeración de sinerxias e posibilidades de negocio entre empresas de Lalín e empresas de galegos afincados en Madrid, tendo en conta que o mercado da capital é un dos que máis crecemento económico está a rexistrar tras superar os momentos máis duros da crise”.

.

Respecto aos detalles do evento, Antonio Lamas indicou que comezarán a concretarse nas vindeiras semanas, se ben avanzou que terá lugar no Hotel Eurostars Madrid Tower e que contará con Abanca como principal entidade patrocinadora. En canto ao programa do mesmo, apuntou que as empresas participantes terán oportunidade de presentar os seus produtos e servizos antes de que todos os comensais poidan degustar un cocido elaborado con produtos lalinenses e, a poder ser, preparado por algún cociñeiro/a local.

.

En canto á asistencia, o presidente da AED recomendou aos empresarios interesados en acudir a este encontro empresarial que a partires do luns contacten coa asociación para apuntarse con antelación.

Premios da campaña de San Valentín

.

.

Por outra banda, a AED realizou hoxe o sorteo dos premios da campaña de San Valentín, que recaeron nos seguintes clientes do comercio local: Sonia Vázquez Diéguez, por unha compra na tenda G, gañou unha viaxe romántica a Venecia para dúas persoas con Halcón Viajes; Carolina López Freire, por unha compra en Varell Sport, logrou unha cea para dúas persoas no Fogar de Breogán; e Antonia López Pichel, por unha compra en Embutidos Lalinense, resultou premiada cunha cea para dúas persoas no Pazo de Bendoiro.

.

Curso de manipulador de alimentos

A Asociación de Empresarios de Deza tamén vén de abrir o prazo para inscribirse nun curso de manipulador de alimentos que se desenvolverá o venres 23 de febreiro, en horario de 17.00 a 20.00 horas. Este curso está dirixido especificamente a manipuladores de alimentos, empresas do sector alimentario e manipuladores de maior risco e, de xeito xeral, a calquera persoa que pola súa actividade laboral teña contacto directo cos alimentos durante a súa preparación, fabricación, transformación, elaboración, envasado, almacenamento, transporte, distribución, venda, subministro e servizo.

.

Todas as persoas interesadas en matricularse no curso poden facelo chamando ao teléfono 986 78 70 91 e o custo da inscrición é gratuíta para o persoal das empresas afiliadas á AED e de 25 euros para o das empresas que non están asociadas. A presenza ns clases conleva a recepción dun manual teórico e dun certificado de asistencia.

.

 

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies