A Comisión Permanente da CEP aproba por unanimidade elevar á Asemblea a suspensión temporal da CEG

.

A Comisión Permanente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) acordou hoxe de maneira unánime a proposta de cese temporal da participación nos órganos de goberno da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), durante a súa primeira reunión anual celebrada no Pazo de Liñares (Lalín), a invitación da Asociación de Empresarios de Deza (AEDeza).

.

Esta decisión será elevada á Asemblea Xeral da CEP para a súa ratificación a finais de marzo e tamén ao Consello Asesor da CEP e ao da CEG. “Esta decisión é unha mensaxe para trasladar aos actuais dirixentes da CEG que deben reflexionar sobre o modelo de Confederación de Empresarios de Galicia que debe representar a todos os sectores”, declarou o presidente da CEP, Jorge Cebreiros.

.

Lamentou os feitos acaecidos desde as pasadas eleccións da CEG, que, tal e como quedou reflectido en varias intervencións de vogais da Comisión Permanente, derivaron nunha perda de confianza e en non ver defendidos nin representados os seus intereses. “Con esta decisión queremos visibilizar a nosa postura, porque non queremos perder o tempo. Queremos centrarnos nos problemas dos nosos sectores e os nosos empresarios que representan unha porcentaxe moi notable do PIB de Galicia e ata o 40% do emprego a nivel galego. Hai que chamar a atención sobre a falla de infraestruturas e investimentos, ao que se engade a competencia do Norte de Portugal”, explicou o presidente da CEP.

.

A Comisión Permanente foi unánime ao demandar unha CEG que estea á altura da defensa das necesidades e intereses dos empresarios de Pontevedra. “Queremos unha CEG que nos represente e que loite polos intereses dos empresarios e empresarias de Pontevedra”, subliñou.

.

Adicionalmente, Cebreiros cualificou a xornada como moi importante polos acordos alcanzados. “Cumprimos co compromiso adoptado coa Asemblea da CEP en decembro de presentar a liquidación de contas e a execución e liquidación do orzamento do 2016 no primeiro trimestre do 2017. É a primeira vez na historia da CEP. Teño que dicir que foron aprobamos por unanimidade e esto é unha mensaxe da CEP cara ao público: en Pontevedra traballamos todos comprometidos co futuro dos nosos empresarios, das nosas organizacións empresariais e da propia Confederación”, destacou o presidente.

.

Igualmente, agregou que, tamén por primeira vez desde a fundación da organización provincial pontevedresa, aprobouse por unanimidade o orzamento do 2017, que será presentado, tamén antes de que conclúa o primeiro trimestre, para a súa aprobación definitiva na Asemblea Xeral.

.

Trátase dun orzamento equilibrado, moi prudente, moi baseado nun control estricto do gasto, tal e como dixemos aquí, aproba o teito de gasto máis que o volumen dos ingresos, que estamos seguros que van ser maiores do que hoxe aprobamos. É provisional, pero tremendamente realista e apegado á realizade que temos hoxe”, aclarou Cebreiros.

O presidente dos empresarios pontevedreses anunciou que a Confederación pontevedresa conseguira a aprobación de dous dos catro proxectos presentados á convocatoria POPTEC, o que significa un 50% de efectividade, cifra altísima nunha convocatoria que chega a ter máis de 450 propostas. “Hai que destacar o traballo do equipo de profesionales da CEP. Estes proxectos veñen paliar as contas de 2017, 2018 e 2019”, louvou.

.

Cebreiros agradeceu aos integrantes do Comité Directivo e da Comisión Permanente da CEP que fixeran o esforzo de trasladarse ata a capital dezana para a reunión. Na mesma liña, aproveitou a súa intervención para agradecer a invitación do presidente e a directiva da AED e reafirmou o seu compromiso coas territoriais.

.

Pola súa parte, o presidente da AED, Antonio Lamas, expresou ao comezo da reunión que para os empresarios dezanos era todo un orgullo ser os anfitrións do órgano de goberno da CEP por segundo ano consecutivo. “É unha data histórica e esperamos poder invitar á CEP o vindeiro ano tamén para continuar presumindo das nosas empresas, dos nosos recursos naturais e do noso patrimonio histórico”, recalcou. Neste senso, ao remate da reunión do Comité Directivo e antes de compartir un cocido, os asistentes presenciaron unha exhibición do funcionamento de drons a cargo de Aerocámaras, empresa asociada da AED.

.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies