Abanca ofrecerá aos 321 asociados da AED produtos bancarios “en condicións vantaxosas”

Os 321 empresarios e autónomos afiliados á Asociación de Empresarios de Deza (AED) poderán beneficiarse a partires de hoxe de diferentes produtos bancarios ofertados por Abanca “en condicións vantaxosas” en virtude dun acordo de colaboración suscrito entre esta entidade e a patronal dezana.

.

Ao acto de sinatura do convenio de colaboración, que tivo lugar este mediodía na sede da AED, acudiron o presidente da AED, Antonio Lamas Carral; a directora territorial de Abanca en Pontevedra, María del Carmen Fernández Penas; e o director da Zona Deza de Abanca, José Manuel Ruibal Suárez.

.

Antonio Lamas salientou que a sinatura deste convenio “enmárcase no traballo e nas xestións externas que se realizan dende a directiva da AED para proporcionarlle valor engadido aos asociados, ben a través do ofrecemento de novos servizos ou ben, como é neste caso, mediante diferentes produtos e servicios financieiros en condicións realmente competitivas”.

.

O presidente da AED adiantou que nos vindeiros días todos os asociados recibirán a información específica das condicións dos diferentes produtos e servizos bancarios ofertados por Abanca e aproveitou tamén para agradecer “o firme compromiso” da entidade “para seguir colaborando coa asociacións no financiamento de accións e campañas que se desenvolvan no futuro”.

.

Pola súa parte, Fernández Penas remarcou a importancia do convenio asinado coa AED, xa que “serve para a posta a en marcha de novos proxectos ou a mellora competitiva dos actuais”.

.

A directora territorial de ABANCA en Pontevedra incidiu no compromiso da entidade financeira co tecido produtivo galego e amosou a súa vontade de “traballar en produtos que recollan as necesidades dos empresarios e comerciantes locais”.

.

Décimo convenio propio

.

Antonio Lamas destacou tamén que este acordo con Abanca pasa a ser o décimo convenio con terceiros xestionado directamente dende a asociación e lembrou que, grazas a eles, os asociados da AED dispoñen de mellores condicións en diferentes servizos, como por exemplo o subministro de combustible, a xestión da lei de protección de datos de carácter persoal, a prevención técnica de riscos laborais ou a implantación de tecnoloxía LED.

.

Ademais, os asociados da AED tamén se poden beneficiar doutros 17 convenios xestionados indirectamente a través da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Federación Provincial de Empresarios de Transporte por Estrada de Pontevedra (Fepotrans) e Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra (Feprohos).

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies