AED e IESIDE inician o Programa de Actualización Directiva con 11 alumnos matriculados

 

A Asociación de Empresarios de Deza (AED) e o Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa (IESIDE) comezaron a impartir hoxe nas dependencias do Hotel Spa Norat Torre do Deza o Programa de Actualización Directiva, que se desenvolverá todos os xoves en quendas de mañá e tarde ata o 7 de xuño.

.

Á sesión de apertura do curso asistiron o presidente da AED, Antonio Lamas, a secretaria técnica da asociación, Chus García, e por parte do IESIDE o responsable de programas in company, Manuel Pais, o coordinador do curso, Gonzalo Garre, e o profesor desta primeira sesión, Gerardo Estévez Suárez, quen, dentro do módulo de orientación á estratexia e ás persoas, abordou a temática da estratexia empresarial. Licenciado en Ciencias Empresariais e diplomado en Auditoría pola Universidade de Vigo, Estévez traballou como director de Operacións en Conservas Antonio Alonso e foi director xerente do Grupo Esypro, ademais de director xeral de DPI Consultores.

.

Pola súa parte, Antonio Lamas amosouse satisfeito por ter alcanzado o número mínimo de alumnos para poder desenvolver este programa, se ben indicou que “é unha mágoa que o número de matriculados non sexa o dobre porque trátase dun programa adicado especificamente para directivos que conta con profesores de primeirísimo e que, ademais de resultar máis barato que noutros sitios, habitualmente só se pode cursar nas grandes cidades”.

.

Ao respecto, Lamas incidiu no feito de que, ao estar o programa dividido en tres partes, aínda está aberto o prazo de inscrición no segundo e terceiro módulos, adicados á orientación ao mercado e ao cliente, e á orientación aos resultados. Por iso, animou a todos os directivos e cadros intermedios das empresas da bisbarra a que acudan á AED a solicitar información sobre a matrícula, que tería un custo de 1.100 euros por persoa e módulo para as empresas asociadas e de 1.500 euros por persoa e módulo para as non asociadas.

 

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies