Antonio Lamas reúnese co deputado Javier Dios para solicitar a colaboración da Deputación coa AED

O presidente da Asociación de Empresarios de Deza (AED), Antonio Lamas, e a secretaria da asociación, Chus García, mantiveron este mediodía unha reunión de traballo co deputado provincial de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, para presentarlle diversas necesidades e proxectos do colectivo e para solicitarlle “a máxima colaboración posible” por parte da institución provincial.

.

Entre a batería de iniciativas para as que a AED solicita a implicación da Deputación de Pontevedra figuran o acondicionamento dunha aula de novas tecnoloxías, posto que o equipamento da aula de informática creada en 2007 quedou obsoleto tras nove anos de uso continuo; a súa participación, como titular do Viveiro de Empresas, no cofinanciamento do servizo de seguridade e vixilancia privada do Parque Empresarial “Lalín 2000”; e a coordinación dunha programación formativa de calidade, tanto para empresarios e cargos directivos, como para desempregados e traballadores.

.

Ademais, Antonio Lamas tamén salientou a conveniencia de “recuperar a interlocución” entre a AED e a Deputación respecto do funcionamento do Viveiro de Empresas “coa finalidade de optimizar as instalacións, aproveitar as posibles sinerxias que xurdan e evitar duplicidades de recursos e unha competencia que non favorece a ningún dos dous “. Neste senso, brindou a dispoñibilidade da AED a acoller nas súas instalacións os servizos que prestaba o CPAE na Aula da UNED e que se pretenden trasladar ao Viveiro de Empresas. “Na sede da AED estarían máis céntricos e aproveitaríanse do continuo fluxo de persoas que acuden a cursos da AED ou a solicitar asesoramento”, apuntou.

.

Por outra banda, o presidente da AED tamén solicitou a aportación de recursos para sacar adiante o proxecto de dinamización dos sectores do comercio e da hostalaría presentado polo experto en centros comerciais urbanos e procesos de peonalización José Manuel Bouzón, “que ata o de agora non se puido levar a cabo por falta de financiamento”. Finalmente, tamén demandou axuda do organismo provincial para elaborar unha web específica para o sector do comercio e para pór en marcha o proxecto dos Foros AEDeza.

.

Antonio Lamas, que agradeceu “a boa predisposición existente” para colaborar coa AED, precisou que a reunión desta mañá é “a resposta ao guante lanzado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva”, durante a II Xuntanza Empresarial AEDeza, na que o instara a acudir ao seu despacho con ideas, propostas e proxectos beneficiosos para o tecido empresarial. “Somos conscientes de que posiblemente non poidan atender o cento por cento das peticións presentadas, pero consideramos importante sentar as bases para afondar na colaboración e interlocución entre ambas entidades”, engadíu o presidente da AED.

.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies