Casa Currás obtén unha dobre vitoria nas categorías popular e profesional do VIII Deztápate

.

A Asociación de Empresarios de Deza (AED) e a Comisión de Hostalaría de Lalín celebraron hoxe o acto de clausura da oitava edición do concurso de tapas Deztápate, que rexistrou a dobre vitoria de Casa Currás coa súa creación “Será Pan?” nas categorías popular e profesional e que foi o certame máis exitoso da súa historia ao vender 670 tapas por xornada. Todos os datos foron dados a coñecer polo presidente da AED, Antonio Lamas, na sede da patronal dezana xunto con outros directivos, hostaleiros e colaboradores con este certame, así como o alcalde lalinense, Rafael Cuiña.

.

No acto deuse a coñecer que o xurado profesional, conformado por bloggers gastronómicos e turísticos do grupo Galicia Gastro, decidíu conceder o seu único premio a Casa Currás, que tamén acadou o triunfo do voto popular concedido polos clientes do concurso por diante de “Ultrachapati vexetal”, de A Taberna do Ultralimento, e “Destellos”, de A Cunca.

.

Polo demais, o presidente da AED quixo destacar a “elevada participación e o altísimo nivel” dos 16 establecementos e indicou que este certame, xunto cos Bocadiños do Cocido, “ten unha calidade equiparable á dos mellores concursos de tapas de España, un aspecto que non debe de estranar xa que os cociñeiros de Lalín son coñecidos e recoñecidos por todo o país”.

.

Asimesmo, revelou que esta edición foi a máis exitosa de toda a historia do concurso, xa que se despacharon un total de 6.698 tapas a unha media de 670 por xornada, o que supón un novo récord ao superar as 603 por día que se venderon na quinta edición, celebrada en 2014. Tamén destacou que houbo un incremento do 27% de vendas con respecto ao ano anterior e que o volume de negocio xerado directa e exclusivamente polas tapas superou por pouco os 10.000 euros.

.

E antes dos sorteos, Lamas quixo agradecer a colaboración do Concello de Lalín, Viños Manuel Gil, Adega Casa Moreiras, Ricardo Vázquez e Hijos –da man de Bodegas Bilbaínas con Viña Pomal e de Viña Costeira– e do grupo de bloggers Galicia Gastro, que levan xa un tempo colaborando como xurado profesional nestes certames da AED. Ademais, o presidente destacou “o pulo” que supón o Deztápate para a hostalaría nesta época de verán e amosou a súa ledicia pola satisfacción manifesta dos 16 establecementos participantes “xa que se superaron con moito as espectativas existentes e confirmouse que imos polo bo camiño con este certame”.

.

En canto aos premios para os clientes que cubriron a papeleta cos sellos dos 16 locais, Marcos Jácome Dobarro gañou os 600 euros en metálico e Senén Martínez Troitiño a fin de semana para dúas persoas no hotel Oca Augas Santas con visita guiada e cata a Adega Casa Moreiras. Ademais, os premios de botella magnum de Moreiras Selección –unha por establecemento–  foron para María José Acevedo, Michelle Alfonso, Diego Castro, Marta Fernández, Laura Garra, Teresa González, Ángel González, Raquel Lorenzo, Marcos Loureiro, Raquel Reboredo, Ramiro Ruibal, Esperanza Taboada, Estela Taboada, María Taboada, Olga Tretiakova e Marta Vázquez.

.

Asimesmo, foron premiados, cunha botella magnum de Viña Costeira ou Viña Pomal, os oito participantes do concurso de fotografías en Facebook: Antía Pavón, Angélica Martínez, Mónica Dafonte, Daniel Fuentes, Raquel Reboredo, Tamara Santiso, Analía Diéguez e David Novas. As catro botellas restantes deste certame sorteáronse entre aqueles clientes que presentaran papeletas con alomenos oito sellos de locais participantes, resultando agraciados Pilar González, Rocío Blanco, Jesús Lamas e Cristian Vázquez.

.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies