Deputación e AED estudarán a sinatura dun convenio marco para posibilitar “unha colaboración estable”

.

A presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, visitou esta tarde por primeira vez as instalacións da AED, onde mantivo unha reunión de traballo co presidente deste colectivo, Antonio Lamas, e varios membros da xunta directiva, así como co alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, e o tenente de alcalde, Nicolás González.

.

Ao remate da reunión, Antonio Lamas explicou que esta visita respondía a unha invitación realizada anteriormente a Carmela Silva e amosouse “satisfeito” co balance da mesma, posto que, ademais de comprometerse a colaborar na edición dunha revista empresarial que elaborará e distribuirá a AED a comezos de 2017, a presidenta da Deputación aportou “respostas positivas” a diversas demandas formuladas en reunións anteriores.

.

Neste senso, Antonio Lamas e os demais membros da directiva da AED acordaron estudar nos vindeiros días un modelo de convenio marco aportado pola presidenta da Deputación para “facer posible unha colaboración estable entre ambas institucións”. Así, apreciou “boa sintonía e predisposición” para alcanzar acordos principalmente en tres áreas: a participación da Deputación nos custos da seguridade privada do Parque Empresarial “Lalín 2000”, ao ser propietaria de instalacións ubicadas no mesmo -negociarase un acordo a partires de decembro, data na que remata o contrato que teñen vixente con outra empresa-; a celebración dalgún dos Foros Empresariais AEDeza para “contar en Lalín con poñentes de relevancia en diferentes áreas, como a empresarial, a política, a tecnolóxica ou a formativa; e a adaptación e o impulso do programa Smart Peme para que sexa máis útil para as pemes do tecido empresarial da comarca.

.

Por outra banda, Antonio Lamas aproveitou a reunión para convidar á presidenta á III Xuntanza Empresarial AEDeza, que terá lugar o vindeiro día 26 de novembro no Pazo de Bendoiro e que estará adicada ao Concello de Rodeiro.

.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies