La Molinera, Rosaleda, Las Palmeras e A Cunca, premiados nos VI Bocadiños do Cocido

O Restaurante La Molinera, a Cafetería Rosaleda, a Pensión Las Palmeras e o Bodegón A Cunca foron os catro establecementos participantes no concurso de tapas “Bocadiños do cocido” que obtiveron os recoñecementos nesta sexta edición. Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa o presidente da AED, Antonio Lamas, que compareceu xunto co alcalde, Rafael Cuiña, e un integrante da comisión de hostalaría, Moncho Villanueva.

.

Antonio Lamas explicou que nesta sexta edición, que se desenvolveu durante 10 días, participaron un total de 12 establecementos lalinenses, que serviron arredor de 2.685 tapas en total, o que deixa un promedio de 268 tapas diarias. Segundo precisou, ao venderse as tapas a un prezo de 1,5 euros, esta campaña supuxo unha media de 402 euros diarios de ingresos adicionais, ademais dos correspondentes gastos nas consumicións.

.

Aínda que se amosou “razoablemente satisfeito”, Antonio Lamas indicou que a participación cidadá foi lixeiramente menor que noutras edicións e incidíu en que o reparto por locais tamén foi desigual. Así, mentres houbo restaurantes que repartiron 700 tapas, outros apenas alcanzaron as 80. En todo caso, anunciou que para vindeiras edicións teranse en conta algunhas das suxestións aportadas polos propios restauradores.

.

En canto aos premios, os votos do xurado profesional outorgaron o Premio Especial á Mellor Tapa ao Restaurante La Molinera polo seu “Dentelle de cocido de Lalín”. Pola súa parte, o xurado popular pronunciouse do seguinte xeito: primeiro premio para a Cafetería Rosaleda polo “Cocido de papá Manolo”; segundo premio para a Pensión Las Palmeras, pola tapa “Todo por la pasta”; e terceiro premio para o Bodegón A Cunca, polo seu “Almendrado de cocido”.

.

Os premios, consistentes en diplomas acreditativos, entregáronse esta mañá ao remate da rolda de prensa de balance e antes da realización do sorteo dos 25 agasallos aportados polos propios restaurantes ou por marcas colaboradoras. O premio máis desexado (480 euros en metálico) recaeu en Rafael González Rodríguez.

.

Por outra parte, no transcurso da rolda de prensa tamén se presentou unha Guía da Hostalaría, da que a AED vén de editar 10.000 exemplares coa colaboración do Concello de Lalín para facilitarlle aos visitantes o coñecemento de todas as posibilidades que ofrece este sector. Antonio Lamas agradeceulle a Rafael Cuiña a implicación do concello neste proxecto e precisou que “quíxose lanzar esta fin de semana para que os visitantes que acudirán ao concurso organizado por Anaprode poidan orientarse xa con esta nova guía).

.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies