La Tentazione, El Vestidor de Chloé e Varell Sport, premiados no Concurso de Escaparates de Nadal

.

A Asociación de Empresarios de Deza e o Centro Comercial Aberto de Lalín fixeron entrega hoxe dos premios correspondentes ao Concurso de Escaparates de Nadal, que recaeron nos seguintes comercios: o primeiro premio, consistente nun diploma e na afiliación gratuita á AED durante un ano, foi para a tenda de calzado La Tentazione, situada na avenida de Bos Aires; o segundo premio, composto por un diploma e un circuito termal no Hotel-Spa Torre do Deza, recaeu na tenda de roupa El Vestidor de Chloé; e o terceiro premio, dun diploma e unha cea-degustación no Pazo de Bendoiro, foi parar á tenda de produtos deportivos Varell Sport.

.

Durante o acto de entrega, que tivo lugar na sede da AED, o presidente da asociación, Antonio Lamas, agradeceu a colaboración da concelleira de Comercio, Katia Procino, que formou parte do xurado, xunto con directivos e técnicos da AED e unha especialista en escaparatismo. Ademais, agradeceu a aportación de premios en especie por parte do Pazo de Bendoiro e o Hotel-Spa Torre do Deza.

.

Antonio Lamas tamén aproveitou a súa intervención para lembrar que mañá, arredor das 21.00 horas, ao remate da Cabalgata dos Reis Magos, está prevista a celebración na Praza da Vila do sorteo dos 6.500 euros en vales de compra para gastar nos 99 establecementos participantes na campaña “O Nadal preto de ti”. Previamente, dende as 11.00 horas ubicarase unha urna na Praza da Igrexa para que todas as persoas que mercaran nestes comercios e posúan rifas poidan depositalas para optar aos tres premios: un de 5.000 euros, un de 1.000 euros e un de 500 euros.

.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies