Lamas, que presidirá a AED ata 2022, incorpora sete empresarios novos á xunta directiva

.

O prazo de presentación de candidaturas á presidencia da Asociación de Empresarios de Deza (AED) acaba de pecharse ás 20.00 horas cunha única candidatura formalizada: a encabezada polo actual presidente en funcións, Antonio Lamas Carral, e que consta dun total de 15 integrantes, catro deles como suplentes. Ao cumprir esta lista os requisitos establecidos nos estatutos e ao non rexistrarse candidaturas alternativas non será preciso votar e Antonio Lamas quedará proclamado oficialmente presidente ata o ano 2022 na asemblea extraordinaria do vindeiro día 27.

.

Para afrontar este terceiro mandato como presidente, Antonio Lamas (Segurlamas) conformou a seguinte candidatura: David Campos Cortés (Nucamsa), vicepresidente; Karen Fernández Lamela (Karen), secretaria; Adolfo Meijide Otero (Autocares Meijide), tesoureiro; e como vogais, Meritxell Silva García (Colorín Colorado), José Julio Hermida Diéguez (Prefabricados Faro), Manuel Salgueiro González (Arlit Diseño e Impresión), Beatriz Canda Rodríguez (Almacenes Canda), Luis Alberto Guerreiro González (Pensión Las Palmeras), Alejandro Iglesias Vázquez (Cabanas Restaurante) e Brais Pérez García (SAT Casagrande). Como suplentes figuran José Manuel Pereiras López (Lalín Móvil), Secundino Jar Pereira (Carpintería Jar Novoa), Óscar Míguez Castro (Maxideza) e María Luz Torreiro Otero (Lencería Lilas).

.

É dicir, ademais de Antonio Lamas, continúan oito membros da directiva saínte, se ben José Manuel Pereiras e Secundino Jar fano na condición de suplentes. Ao respecto, Antonio Lamas salientou que os directivos que non repiten -Abel Vila, Eva García e Benito Saavedra- é “principalmente por falta de tempo para adicarlle á asociación” e agradeceulles “como presidente e como compañeiro tódalas horas e o traballo realizado nos últimos anos”. Ás novas incorporacións pediulles “que na medida das posibilidades de cada un contribúan a porlle voz a tódolos concellos da Comarca de Deza e a defender os intereses dos diferentes sectores representados na directiva, como son a industria agroalimentaria, o agro, os servizos, o comercio, a hostalaría, o transporte e a construción”.  

.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies