O concurso Bocadiños do Cocido sorteará un premio de 600 euros e unha fin de semana na Rioja alavesa entre os clientes que acudan aos 15 locais
.
A sétima edición do Concurso Bocadiños do Cocido, organizado pola Asociación de Empresarios de Deza (AED) e a Comisión de Hostalaría de Lalín, arranca este venres con 15 establecementos participantes e dous grandes premios para os clientes que acudan a todos os locais e presenten a papeleta con todos os sellos. Así, entre eles sortearanse un premio de 600 euros en metálico e unha estancia de dous días para dúas persoas na Rioja alavesa en réxime de pensión completa que inclúe unha visita á Adega Eguren Ugarte, que colabora con este galardón.
.
Ademais, tamén se sortearán, grazas á colaboración de Viños Manuel Gil, quince botellas magnum de Eguren Ugarte entre as papeletas de votación individual que se depositarán na urna de cada establecemento. Deste xeito, promóvese a participación entre aqueles clientes que non poidan degustar as quince creacións nas dez xornadas do certame.
.
Como é habitual, haberá premios para as mellores tapas en base ao voto popular, pero tamén se concederán distincións seguindo o criterio do xurado profesional, que estará conformado por Faustino Batallán, Luis Domenech, María José Basanta, Xoán Arco da Vella e Mark Auchincloss, que son bloggers culinarios e turísticos pertencentes ao grupo Galicia Gastro e que xa se encagaron desta avaliación en anos anteriores. Está previsto que acudan a probar as tapas os días 10, 17 e 18 de marzo.
.
O concurso, que pretende estender a promoción do cocido tras a época central do mesmo en torno á feira, estenderase durante dez días, incluíndo dúas fins de semana completas, ata o domingo 19 de marzo. Desta volta conta coa participación dos seguintes establecementos: A Bodeguilla, A Taberna do Ultralimento, Bodegón A Cunca, Cabanas Restaurante, Cafetería Rosaleda, Casa Currás, Casa Sanmartín, Doña Maruja Gastrobar, Hotel Restaurante Villanueva, Hotel Spa Norat Torre do Deza, O Picoteo, Pazo de Bendoiro, Pensión Las Palmeras, Pizza Park e Restaurante La Molinera.
.
Os locais xa teñen deseñadas as súas tapas e, como é obrigatorio, todas inclúen alomenos un ingrediente, doce ou salgado, do cocido. Estas creacións, que manterán o seu prezo de 1,5 euros, daranse a coñecer esta semana e amosan a enorme creatividade dos cociñeiros locais en torno ao cocido, xa que as tapas fusiónanse con sabores americanos, italianos ou orientais, entre outros.
.
A sétima edición dos Bocadiños do Cocido, que pretende dinamizar aínda máis o sector hostaleiro tras a Feira do Cocido e o Entroido e superar a media de 268 tapas diarias do ano pasado, conta coa colaboración da Concellaría de Turismo de Lalín, Adega Eguren Ugarte, Viños Manuel Gil e Embutidos Lalinense. A xuntanza-presentación do certame contou coa presenza de Antonio Lamas e David Campos por parte da AED; do concelleiro de Turismo de Lalín, Francisco Vilariño; e de representantes da Comisión de Hostalaría de Lalín e de algúns establecementos participantes.
.