O consultor e experto en marketing Jesús Huertas ofrecerá o día 21 en Lalín a conferencia “E agora, vendemos ou que?”

.

A Asociación de Empresarios de Deza (AED) vén de programar para o vindeiro martes 21, a partires das 18.30 horas na Aula da UNED (Parque Empresarial Lalín 2000), a conferencia “E agora, vendemos ou que?”, a cargo do coach, consultor e experto formador en marketing Jesús Huertas Duque.

.

Esta actividade, aberta e gratuíta para todos os asociados da AED, enmárcase na presentación do Programa de Actualización Directiva que a patronal dezá vai desenvolver en colaboración co Instituto de Educación Superior Intercontinental de la Empresa (IESIDE).

.

En dita presentación, prevista para o martes ás 18.00 horas, intervirán o presidente da AED, Antonio Lamas; o coordinador xeral do IESIDE, Francisco Montes Gómez; e o propio Jesús Huertas, parte do cadro de profesores do programa.

.

Jesús Huertas é licenciado en Psicoloxía pola Universidade Autónoma de Madrid, máster en Dirección de Recursos Humanos por ADM Business School e coach certificado por IESEC Human. Entre outros postos foi xefe de sección en Carrefour e xefe de sector en Leroy Merlín e ten formado a multitude de profesionais de firmas como Yelmo Cines, Seguros Pelayo, Altadis, Endesa, Grupo Gestamp, Chocolates Lacasa, Pikolín, Grupo Hospitalario Quirón ou El Heraldo de Aragón. Actualmente é socio fundador de Huertas Consulting e de Pymes Networking España, ademais de exercer como profesor colaborador na área de Dirección Comercial, Marketing e Vendas do IESIDE.

.

Na súa conferencia “E agora, vendemos ou que?”, Jesús Huertas aportará numerosos consellos baseados na súa experiencia profesional de 25 anos no mundo das vendas e na aprendizaxe adquirida como formador de milleiros de empresarios, directivos e vendedores de diferentes sectores.

.

Entre outros contidos, abordará aspectos clave nas habilidades de comunicación e nas habilidades emocionais, que son vitais para vender dunha maneira máis eficiente e conseguir aumentar os resultados nas vendas.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies