O sorteo dun Renault Clío, descontos ata o 70% e un concerto de María do Ceo, na Noite Branca da AED

O presidente da Asociación de Empresarios de Deza, Antonio Lamas, e compañeiros da xunta directiva e do Centro Comercial Aberto de Lalín presentaron este mediodía a programación de actividades completa da Noite Branca que o comercio e a hostalaría de Lalín celebrará o venres 17 entre as 17.00 e as 24.00 horas.

.

Nun acto de presentación no que tamén estiveron presentes a concelleira de Comercio de Lalín, Katia Procino, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, Lamas destacou  que alomenos 84 establecementos asociados disporán a partires deste luns das rifas para o sorteo dun Renault Clío, que se efectuará o venres 17 arredor das 24.00 horas na Praza da Igrexa. Lamas subliñou que o sorteo será presencial, polo que os clientes deberán depositar unha parte das rifas entre as 17.00 e as 24.00 horas nas urnas que se instalarán na Praza da Igrexa e, de resultar agraciado o seu número, deberán amosar a outra parte da rifa no mesmo momento do sorteo.

.

Ao respecto, o presidente da AED indicou que o sorteo celebrarase arredor das 24.00 horas coincidindo co comezo dun concerto de María do Ceo, que será o “broche de ouro para a Noite Branca”. Previamente, ao longo de toda a tarde están previstas diferentes actividades de animación polas rúas de Lalín: catro xogos inchables para nenos (rúa D, rúa Colón, rúa Pintor Laxeiro e avenida Luis González Taboada), cinco puntos de música cun dj (rúa D, Praza da Torre, Praza da Igrexa, rúa Pintor Laxeiro e rúa Rosalía de Castro), un posto de xeados na Praza da Igrexa e un posto de flocos de millo na rúa Observatorio. Ademais, tamén visitarán Lalín esa tarde todos os membros da familia dos Bolechas, grazas á colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e animaranse as rúas con dúas charangas (Os verbeneros e Quilómetro cero) e un espectáculo itinerante de zumba (Zumbatour).

.

En canto á iniciativa máis ambiciosa, Antonio Lamas indicou que “ten como obxectivo incentivar as vendas nos establecementos asociados dende o luns e axudar a encher a vila de xente na tarde-noite do venres, para que ese día poidan beneficiarse dos grandes descontos e das promocións específicas da Noite Branca”. Ao respecto, avanzou que os 84 locais que se implican na campaña xa confirmaron a compra de 102 talonarios de 50 rifas, polo que, na súa opinión “as perspectivas para cubrir os gastos da compra do coche son boas”.

.

O presidente da patronal dezana destacou “a consolidación da Noite Branca como un elemento dinamizador da economía local” e indicou que nesta edición xa se sumaron á iniciativa 84 asociados (60 do comercio e 24 da hostalaría), o que supón un incremento de 14 respecto aos 70 do ano pasado. Lamas incluso agarda “incrementar esta cifra ao longo da semana, tendo en conta que se esperan novas altas de establecementos que non eran socios e que se están animando a afiliarse para beneficiarse de campañas ambiciosas coma esta”.

.

Na súa opinión, ademais do estímulo do sorteo do coche e das demais actividades, “a xente non debe esquecer que o principal atractivo da Noite Branca son os descontos ata o 70% que realizarán os comercios e as promocións específicas para ese día dos locais de hostalaría”.

.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies