.

A Asociación de Empresarios de Deza conta cun Departamento de Emprego que persegue, fundamentalmente, dous grandes obxectivos:

.

  1. Facilitarlle ás empresas asociadas a realización dos procesos de selección de persoal para cubrir os postos vacantes que ofertan.
  2. Contribuír á dinamización do mercado laboral na comarca mediante a xestión dunha Bolsa de Emprego con currículos de persoas en situación de búsqueda de emprego ou de mellora de emprego.

.

Dentro destas dúas liñas de traballo xerais, o Departamento de Emprego presta os seguintes servizos:

.

  • Bolsa de Emprego

.

A Bolsa de Emprego é un dos servizos máis antigos da AED, xa que foi activado coincidindo co nacemento da asociación e cunha dobre finalidade: por unha parte, xestiónanse de forma gratuíta os currículos dos demandantes de emprego e, por outra, infórmase publicamente a través da web www.aedezaemprego.gal das ofertas de traballo lanzadas polas empresas da comarca. Así, a Bolsa de Emprego pretende facilitar a cobertura dos postos de traballo vacantes cos profesionais máis axeitados aos perfís que demandan as empresas asociadas, cumprimentando todo o proceso de selección dunha forma rápida e eficaz.

.

Este servizo da Bolsa de Emprego adoita recoller entre 800 e 1.000 currículos anuais, cifrándose en aproximadamente medio milleiro os demandantes de emprego activos, o que permite contar cun elevado número de perfís profesionais para atender as necesidades laborais das empresas da comarca dezana.

.

A Bolsa de Emprego é un servizo plenamente consolidado como ferramenta de dinamización do mercado laboral, o que motiva que, ademais de rexistrarse inscricións de persoas desempregadas dos seis concellos dezanos, haxa tamén demandantes de emprego de zonas limítrofes como A Estrada, Chantada, Melide ou O Carballiño.

.

No exercicio de 2015, a Bolsa de Emprego rexistrou un total de 801 currículos e lanzou 180 ofertas para cubrir un total de 228 postos vacantes. Ao remate do exercicio, 188 desas prazas vacantes cubríronse a través de xestións realizadas directamente dende o Departamento de Emprego da AED.

.

As estatísticas de 2015 revelan tamén que os postos de traballo máis ofertados polas empresas asociadas foron os de camareiro/a, comercial, administrativo/a, carpinteiro de aluminio, cociñeiro/a, operario/a, dependente/a, técnico de mantemento, electricista e gandeiro.

.

  • Axente de Empregorede

.

O Axente de Emprego é un servizo que a AED puxo en funcionamento no ano 1999 e que está orientado a potenciar e estimular a creación de novas iniciativas empresariais, a fomentar o espírito emprendedor e a apoiar aos proxectos xeradores de emprego. 

.

Este servizo céntrase fundamentalmente en tarefas de información e asesoramento aos emprendedores, con especial atención á solicitude de achegas e subvencións, aos trámites de constitución, ás diferentes fórmulas xurídicas, aos estudos de mercado, ao asesoramento económico-laboral-financieiro e á elaboración de plans de empresa, entre outros aspectos.

.

Nos últimos cinco anos, o servizo de Axente de Emprego ten participado ou inducido a creación de máis de medio cento de empresas na Comarca de Deza.

.

  • Orientación Laboral

.

Este servizo adícase a orientar e informar ás persoas demandantes de emprego sobre o seu perfil profesional e as súas capacidades, coa finalidade de mellorar a súa empregabilidade, compatibilizar a súa demanda coa oferta existente e, en definitiva, facilitarlle a súa inserción laboral. Tamén se ofrece asesoramento específico a persoas solicitantes de mellora de emprego.

.

No marco deste Servizo de Orientación Laboral, dende a AED ofrécese información sobre a situación global do mercado laboral na bisbarra, oriéntase aos usuarios sobre a formación necesaria e/ou recomendable e asesóranse tamén sobre técnicas activas de busca de emprego: realización do currículo vitae, redacción de cartas de presentación, nocións sobre como afrontar unha entrevista de traballo ou un proceso de selección, etc.

.

Uso de cookies

Esta páxina web emprega cookies para que vostede teña unha mellor experiencia como usuario. Se vostede segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das devanditas cookies e a aceptación da nosa Política de cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies